quarta-feira, 12 de dezembro de 2007

VAGALUMES DE LEMBRANZA


Ás veces temos que pararnos a pensar, a reflexionar e tamén a lembrar. As decisións futuras e mesmo as presentes van estar inexorablemente vencelladas a acontecementos pasados; van ser consecuencia de actos e decisións pasadas.
Nos últimos días, Daniela andaba a darlle voltas á cabeza remoendo os miolos. Sabía que debía lembrar algo. Algo importante que o seu mozo lle revelara pouco antes de que os dous sufriran aquel accidente no que, traxicamente, Xiao perdera a vida e Daniela volvera nacer sen un anaco dela. A amnesia temporal, como o seu nome indica non é irreversible. Co paso dos días, das semanas ou, nalgún caso excepcional dos meses, os recordos volven enchoupar a mente e a memoria. Porén, Daniela non recuperou o seu pasado completamente. Soubo por terceiras persoas que tivera un mozo que falecera aquela lógrobe noite, e grazas ó seu diario e pistas que foi intuíndo por lóxica, decatouse de que Xiao lle quería confesar algo aquela mesma noite.
Lamentablemente, os recordos aparecían soamente como lóstregos que se esfuman na escuridade unha vez que dan a alerta. O caso de Daniela era moi estranho. A súa vida parecía unha historia creada por un dos pioneiros do cinema. Este, seguramente ó non gustarlle esa escea, recortou os fotogramas daquel accidente e da morte de Xiao deixando a vida de Daniela chea de vagalumes de lembranza.

quarta-feira, 28 de novembro de 2007

QUERIDO BUSH


HAI IMAXES QUE VALEN MÁIS QUE MIL PALABRAS


terça-feira, 27 de novembro de 2007



A imaxinación sempre pode abrir calquera porta, xirar a chave e deixar paso ó terror

sábado, 24 de novembro de 2007

ABRIDE OS OLLOS!!!!

PARÁDEVOS A APRECIAR UN POUCO A ARTE!






E PRACTICÁDEA TAMÉN!!!!


PERO CON ELES PECHADOS!!!

sábado, 20 de outubro de 2007

Carta prohemio do Marqués de Santillana ao Condestábel don Pedro de Portugal. Ano de 1449:


"E después fallaron esta arte que mayor se llama e el arte común -creo- en los Reynos de Gallizia e de Portogal, donde no es de dubdar quel exerçiçio destas sçiençias más que en ningunas otras regiones e provinçias de la España se acostumbró en tanto grado que non ha mucho tienpo qualesquier dezidores e trobadores destas partes, agora fuessen castellanos, andaluzes o de la Estremadura, todas sus obras conponían en lengua gallega o portuguesa: e aun destos es çierto resçebimos los nonbres del arte, asý commo maestría mayor e menor, encadenados, lexaprén e manzobre.
Acuérdome, señor muy magnífico, syendo yo en hedad no provecta, mas asaz pequeño moço, en poder de mi abuela doña Mençía de Çisneros, entre otros libros, aver visto un grand volumen de cantigas, serranas e dezires portugueses e gallegos; de los quales, toda la mayor parte era del Rey do Dinís de Portugal -creo, señor, sea vuestro visahuelo-, cuyas obras, aquellos que las leýan, loavan de invençiones sotiles e de graçiosas e dulçes palabras. Avía otras de Johán Suares de Pavía, el qual se dize aver muerto en Galizia por amores de una infanta de Portogal, e de otro, Fernán Gonçales de Senabria. Después dellos vinieron vasco Peres de Camoes e Fernán Casquiçio e aquel grande enamorado Maçías, del qual no se fallan syno quatro cançiones, pero çiertamente amorosas e de muy fermosas sentençias, conviene a saber:
Cativo de miña tristura,
Amor cruel e brioso,
Señora, en quien fiança e
Provey de buscar mesura".
Para que logo digan que o galego nin é lingua tan sequera. Pois todo aquel que pense iso, por favor, que lea esta carta e darase conta de que a NOSA LINGUA se usaba en todo o Estado cando se trataba de cultura. Era a lingua culta para a escritura de poemas e cantigas xa dende o século XV. O problema veu logo cando nos oprimiron e relegaron a nosa fala a ámbito familiar e coloquial. "A doma e castración do Reino de Galicia".
Aquel que siga coa mosca detrás da orella e non crea o que lle conto, que faga o favor de documentarse e de estudar un pouco de historia!
Para rematar gustaríame por uns versos dunha canción de Mercedes Peón que di:
"O galego que non fala a lingua da súa terra
non sabe o que ten de seu, non sabe o que ten de seu (...)
Perdidiño pola vida
rexeita a súa lingua
sabendo que vén datrás.
Sabendo que vén datrás
da nosa xente querida
e inda hoxe falámola.
Falámola naturalmente,
falámola como a nosa xente
non nos podemos queixar".

sexta-feira, 12 de outubro de 2007

¡DO ÍNTIMO!


Abro os ollos de súpeto no medio da noite. Suor frío, gorxa seca e bágoas percorrendo as miñas meixelas. O corpo treme por unha fracción de segundo sen poder evitalo. Quero pór a mente en branco, non pensar en nada, pero é inevitábel. É incríbel a forza que pode ter o pensamento humano, en ocasións é indomábel.
Póñome a pensar a razón desa reacción a estas horas da noite e decátome de que estaba a soñar. Soñar? Fan os soños cousas coma esta? Ou era se cadra un pesadelo? Non, non podía ser un pesadelo, pois un pensamento dóce e instantáneo recórdame que ti eras o suxeito do meu subconsciente.
Es un intruso, estasme a roubar todo: os momentos a soas, as cavilacións motorizadas, os almorzos solitarios, a música lenta que soa mentres paso unha mopa polo meu cuarto e agora, incluso o sono! Mais, ó mesmo tempo, compartes comigo eses meus momentos a soas, esas cavilacións motorizadas, eses almorzos solitarios e eses momentos de limpeza, facéndome mellor compaña que a simple mopa e a pousada música á que rara vez presto atención.
Párome a pensar un anaco e doume conta de que aquí estás outra vez, comigo, no medio dunha noite que semella longa. Dou unha volta na cama, saco os brazos por riba da saba, limpo as bágoas, pecho os ollos e desexo volver espertar cun recordo tan simple e complexo á vez.

domingo, 8 de julho de 2007

Unha das revolucións de 1820-1830


Proclamación da independaencia grega:

"Nós, descendentes dos sabios e nobres pobos da Hélade, nós que somos os contemporáneos das esclarecidas e civilizadas nacións de Europa, nós que contemplamos as vantaxas de que gozan protexidas polo impenetrable escudo da lei, non podemos xa sufrir sen covardía e autodesprezo o xugo cruel do poder otomano que nos someteu por máis de catro séculos; un poder que non escoita razóns e non coñece ningunha outra lei que a súa propia vontade, que o ordena e dispón todo de maneira despótica e de acordo co seu capricho. Despois desta prolongada escravitude, decidimos recorrer ás armas para vingarnos e vinga-la nosa patria contra unha terrible tiranía cuxa esencia mesma é inicua, un despotismo sen paralelo co que ningún outro pode compararse (...)
Construíndo sobre os cementos dos nosos dereitos naturais e desexando asimilarnos ó resto dos cristianos de Europa, os nosos irmáns, iniciamos unha guerra contra turcos ou, máis ben unindo as nosas forzas illadas, convertémonos nun único corpo armado, firmemente resolto a obte-lo noso fin, a gobernarnos a nós mesmos por leis xustas, ou a ser totalmente aniquilados, pois non cremos que sexa digno de nós, descendentes dos gloriosos pobos da Hélade, seguir vivindo en estado de escravitude, situación que convén a animais irracionais e non a seres racionais".
Asemblea Nacional Grega: Proclamación da Independencia.



[Bonito texto,verdade? Bueno, o de unirse ó resto dos cristiáns europeos chirría un pouco (polo menos na miña opinión), pero a esencia do texto reflicte unha forza espectacular, e un desexo de liberdade e independencia que algúns desexamos tamén para a Galiza]

domingo, 3 de junho de 2007

O poema !

Onte dixen que ía escribir os versos do poema de Rosalía pero a "postagen" foi sen el. Como prometera, velaquí está:

Non coidarei xa os rosales
Que teño seus, ni os pombos:
Que sequen, como eu me seco;
Que morran, como eu me morro.

Como poden 4 versos de nada ter tanta expresividade? Non vos gustan acaso? Facédemo saber, si? Mil bicos para todos; aquí, unha enxebre porase a estudar en breve.

sábado, 2 de junho de 2007

A muller e Rosalía


Todo o mundo sabe que a muller non era considerada para nada na vida económica, política e incluso social ata fai uns cantos anos. Estaba limitada ás tarefas da casa, tiña que limpar, alimentar ó home e coidar dos fillos, e por se fora pouco, tamén tiña que traballar no campo.
Unha muller sen home non era ninguén, por iso moitas casaban polo simple feito de non vivir para o resto da súa vida baixo a tutela do pai. Esta situación da muller denunciouna Rosalía de Castro no seu libro Cantares gallegos en poemas como o do San Antoniño, onde unha moza lle pide un home a "este casamenteiro" aínda que a malle e aínda que a esfole.
Esta nosa primeira feminista mundial tivo sempre presente a situación de miseria na que vivían as mulleres da época e reflictíao a cotío nas súas obras. Ela tiña conciencia de que era afortunada, pois o seu home apoiouna e animouna a que escribise; aínda que finalmente, os golpes que lle deu a vida, os problemas económicos, a morte de dous dos seus fillos pequenos e os problemas de saúde, desembocaron na infelicidade e na desesperación (sentimentos que deixa plasmados en moitas das súas obras).
Escribe Follas Novas, obra na que renova o estilo literario e a temática sen deixar de par a situación da muller, a cal segue denunciando en poemas como "A xustiza pola man" (onde denuncia a violación dos dereitos da muller e o papel da xustiza, que só defende ós poderosos) e outros moitos, dentro dos cales hai un que chama a miña atención por ser tan curto e ter tanta expresividade. Neste denuncia o abandono dunha muller por parte do seu home, pois a pobre sen a sinatura do "marido" non é ninguén. Como é curtiño, non teño nugalla en escribilo:
.
Para min, esta muller que tanto acusaron e acusan de chorona é digna de admirar, pois o valor que tivo para escribir o que escribiu na súa época é impresionante. Dende aquí: bravo Rosalía!

domingo, 13 de maio de 2007

A emerxencia de África


O continente africano é a casa de 855 millóns de persoas. Pero 63 millóns de africanos están enfrontándose á morte diariamente a causa da inanición ou como resultado da SIDA. Máis de 322 millóns malviven con menos dun dollar ó día. Pero África non abandoa, non se rinde.
  • FEITOS BRUTAIS
Si, os feitos son brutais pero séguese precisando falar deles. Necesitamos falar do feito de que 30.000 nenos morren en África cada día. En Serra Leona, por exemplo, un cuarto do total dos nenos morre antes de chegar ós cinco anos; en Mauritania máis do 50% dos nenos están desnutridos. Precisamos saber que na actualidade 15 conflitos armados se están desenvolvendo en África, sobre os cales ninguén fóra de África fala, pero están causando unha enorme perda de vida en lugares como Chad, Sudán e Liberia. Precisamos saber que 45 millóns de nenos africanos non teñen escolas e que 25 millóns traballan en condicións de escravitude, na agricultura, no fondo das minas ou incluso como nenos soldados.

  • A EMERXENCIA DE SAÚDE AFRICANA
Millóns de persoas morren cada ano en África simplemente porque os acordos comerciais fanlle imposible a compra de medicinas que precisan a baixo custe. Un amplo número de compañías farmaceuticas multinacionais foron acusadas de xenocidio e delitos da guerra pola Corte Criminal (Criminal Court). Unha das enfermidades que causa máis número de mortes é a malaria, que mata arredor de dous millóns de persoas cada ano. Segundo Medecins sans Frontières, esta é unha das dez peores crises humanitarias ás que se afronta o mundo hoxe -pero non está sendo resolta. A SIDA é outra das emerxencias que afoga ó continente africano, con tres millóns de casos novos que se diagnostican cada ano. Segundo as estatísticas publicadas por UNICEF, polo ano 2010 haberá 42 millóns de orfos vivindo na África sub-sahariana. Destes, vinte millóns serán orfos por culpa da SIDA.

  • A ÁFRICA REAL
O continente africano non é un bloque homoxéneo. Está formado por 53 países, cada un coa súa identidade cultural.
A xente africana non é pasiva, son traballadores e están loitando con forza para buscar solucións ós problemas que afrontan.
A xente africana é quen de traballar por si mesmos para mellor e desenvolverse: precisan axuda económica, pero iso non pode ser unha arma da dependecia nin unha forma de asoballamento.
África é un continente rico e diverso culturalmente; ten moito que ofrecer incluso á xente que non é quen de ver isto que poucos vemos.

sexta-feira, 27 de abril de 2007

A GRECIA CLÁSICA


  • AS GUERRAS MÉDICAS
O imperio persa (baixo o goberno de Ciro o Vello) ampliara considerablemente os seus territorios e chegou ás cidades xonias de Asia Menor. Estas tiñan que pagar un elevado imposto e a situación era asfixiante, facéndose insostible cando o Gran Rei controlou os estreitos. Os grupos oligárquicos (apoiados polo rei persa) chocaban coas aspiracións democráticas destas cidades (artesáns e comerciantes). A saída era liberarse dese xugo ou dominio persa.
Para iso, pediron axuda á Grecia continental, pero só os atenienses e os habitantes da illa de Eubea lle enviaron reforzos. Esta sublevación foi reprimida polos persas e Mileto foi destruída.
Dende este momento, os persas dedicáronse a intentar controlar a Grecia continental. Pretenderon castigar a Atenas e a Eubea por apoiar a Mileto. As diferentes "poleis" ou cidades-estado non se mostraron unidas ante o perigo persa debido á fragmentación política do mundo grego. Logo de ter sometida á maior parte do norte de Grecia, os persas chegaron á chaira de Maratón no 490 a.C. e aquí, os atenienses venceron capitaneados por Milcíades.
Darío (o rei persa do momento) morre e é Xerxes o que se encarga de prepara-la seguinte expedición. Agora atenienses e espartanos aliáronse contra o inimigo persa coa firma da Alianza Panhelénica. Nas Termópilas, Leónidas sacrificouse con 300 espartiatas para permitir a retirada do resto do exército grego. Os persas arrasaron Atenas pero foron derrotados na batalla de Salamina (480 a.C.) grazas á estratexia naval de Temístocles. Son derrotados por terra na batalla de Platea. Os gregos marcharon cara Asia Menor co fin de liberar as cidades sometidas e en Micale incendiaron o que quedaba da flota persa.
  • A DEMOCRACIA RADICAL: as reformas de Efialtes e Pericles
As reformas de Efialtes ían encamiñadas a privar de poder político ós grupos aristocráticos, de modo que reduciu as competencias dos organismos onde tiñan maior representación, como o Areópago e a Boulé (foi como un Senado) e, en cambio, ampliou os poderes da eclesia ou asemblea popular, que será a encargada de tomar todas as decisións.
Os grupos máis reaccionarios asasinaron a Efialtes no 461, pero non puideron evitar que fose substituído por outro político da mesma tendencia, Pericles. As reformas de Efialtes-Pericles non eran gratuítas: supoñían un recoñecemento ó papel que o pobo ateniense tivera na defensa da cidade contra os persas. Ademais, Pericles contou sempre co apoio incondicional do pobo, especialmente dos artesáns e comerciantes, que vían como o seu nível de vida melloraba vertixinosamente como consecuencia da creación da Liga de Delos ou Liga Délica (a presenza dos persas no mar Exeo e o control dos estreitos conduciron ás cidades interesadas en expulsar ós persas a crear outra liga con centro en Delos; Atenas tiña unha posición hexemónica). As causas desta bonanza económica pódense resumir nos seguintes puntos:
-o comercio co Exeo acadara un desenvolvemento descoñecido
-a posición militar de Atenas favorecía o incremento da escravitude, o que permitía ós atenienses dedicarse con maior liberdade á política e ás actividades culturais
- a política de obras públicas, ademais de embelecer a cidade, evitou os problemas derivados do paro e impulsou o sector artesanal

  • AS GUERRAS DO PELOPONESO (431-404 a.C.)
A excesiva oferta comercial das cidades integrantes da Liga Délica obrigaba a pór trabas ó comercio doutras cidades (Corinto e Megara). Cando Corcira se enfronta a Corinto polo control de Epidamno, Atenas axuda a Corcira e derrota a Corinto. Anos máis tarde, prohíbe a entrda de flota megarense nos portos da Liga.
É así como comezan as presións de Corinto e Megara sobre Esparta para frear a expansión ateniense. Aínda que a Esparta non lle interesaba o comercio, o debilitamento das cidades aliadas non a beneficiaba.
  1. Guerra Arquidámica (431-421 a.C.): comézaa o rei espartano Arquídamo. Esparta invade a Ática e os atenienses, que saben que Esparta é superior por terra, refúxianse na cidade coa intención de enfrontarse ó inimigo por mar. Segundo a estratexia de Pericles, a cidade non sufriría problemas de abastecemento grazas ós Muros Longos que unían co porto do Pireo. Pero brotou a peste e morreu moita poboación, entre ela, Pericles. Sucesión de éxitos e fracasos polos dous bandos. Ó final, fírmase un tratado de paz (a Paz de Nicias) onde se recoñece a situación que cada cidade tiña antes da guerra. Mala posición para Corinto e Megara.
  2. Expedición a Sicilia: a pesar do tratado, Atenas posúe certa hexemonía debido á expansión constante do seu comercio. No 415 a.C., Alcibíades (contrario ó tratado) logra a aprobación dunha expedición a Sicilia para liberar ás cidades aliadas da hexemonía de Siracusa. A expedición foi un fracaso e serviu de pretexto para que os espartanos axudasen ós siracusanos. Os inimigos de Alcibíades utilizaron a súa ausencia para acusalo de sacrilexio pola mutilación das estatuas de Hermes. Non regresou a Atenas e colocouse baixo a protección de Esparta, de onde tivo tamén que fuxir polos receos que espertaba. Aliouse logo cos persas e animounos a crear enfrontamentos entre atenienses e espartanos para debilitalos. Non deixou de conspirar para recuperar o poder na súa cidade. Máis tarde, volta a Atenas pero os inimigos arrebátanlle o poder e volve ser desterrado. Morre por orde dos persas aliados cos espartanos.
  3. 3ª etapa: é levada de forma intelixente por Esparta:
-constrúe unha flota coa axuda de Persia, pois sabe que só poderá derrotar a Atenas por mar.
-intenta a defección dalgúns membrs da Liga Délica.
-aproveita as tensións políticas en Atenas.
-fomenta os grupos oligárquicos que se fan co poder durante uns meses.
No ano 406 a.C., parece que Atenas volve ter o control da guerra, pero no 404, os espartanos poñen fin á contenda dirixidos por Lisandro na batalla de Egospótamos, onde sorprenden ós atenienses en pleno abastecemento.
  • CONSECUENCIAS DA GUERRA
Atenas tivo que derrubar os Muros Longos, entregar case toda a flota, desfacer a Liga Délica e integrarse na Confederación do Peloponeso (liderada por Esparta). A democracia foi substituída por un Consello de oligarcas (Trinta Tiranos) con plenos poderes. Tivo que soportar tamén a presenza de soldados espartanos que vixiaba o cumprimento das novas leis.
Esparta recuperou a súa hexemonía (do séc. V a.C.) e promoveu gobernos oligárquicos que descontentaba ás cidades gregas.
A axuda que Esparta recibira dos persas nos últimos anos de guerra esixía a cesión das cidades gregas de Asia Menor. Isto desprestixiaba a Esparta. A expedición dos Dez Mil é o primeiro eslabón do cambio da súa política. Esparta dirixe o exército mercenario dos Dez Mil ó interior de Persia co fin de axudar a Ciro o Novo a conseguir o trono contra o seu irmán Artaxerxes II. Ciro morre na batalla da Cunaxa e as tropas quedan dispersas, entre as que están as gregas, que volven a Grecia baixo o mando de Xenofonte. A partir de aquí, Esparta e Persia enfrontaranse polo control das cidades minorasiáticas.
Persia anima a restauración da democracia nalgunhas cidades co fin de provocar choques entre Esparta e as cidades sometidas. O rei remata estes enfrontamentos cando, temendo a recuperación das "poleis" gregas, obriga a firmar a Paz do Rei (386 a.C.) mediante a cal Persia controla Asia Menor e Esparta volve á súa hexemonía primitiva.
Pero as cidades sometidas a Esparta non estaban dispostas a soportar reximes oligárquicos e sublévase Tebas e logo Atenas, que constrúe a Segunda Confederación Ateniense. A vitoria dos tebanos marca un breve período de hexemonía tebana.

quinta-feira, 26 de abril de 2007

Días sen moito sentido


Hoxe foi un día un tanto raro!Cheo de sensacións,iso si!Risas no coche de caminho á facultade coa minha copilota =;) , sono, cansazo e aburrimento nalgunhas clases, malentendidos con xente q aprecio realmente (ben ententidos finalmente,verdade?), logo outro período de risas durante a comida, saúdos gratos con xente grata, miradas escapadas que buscaban un obxectivo ideal (ese obxectivo que a mente e os ollos saben)...
Logo, cabreo nun atasco sen sentido, dor de cabeza e, por conseguinte, máis mal humor, dozura na chegada á casa (só ó ver ó avó máis preciado desta terra e ó mellor irmán do mundo), confianza e seguridade nas conversas fraternais que a miúdo temos Fa e eu...
E por último, indignación, enfado, baleiro interior, choros, bágoas, ganas de fuxir, escapar... O alcol volve ser o axente das discusións entre un pai que non remata de entender e unha filla que xa non sabe como actuar.
Agora soamente me queda o sentimento de seguridade e calma que sinto cando me refuxio neste pequeno espazo. A vós, os que sempre estades aí e me aturades tal e como son, soamente tenho que darvos as grazas. O sentimento que sinto cando penso en vós é indescriptible, non hai palabras nin imaxes verdadeiras que poidan describir o peculiar que sodes todos e cada un de vós. Un saúdo desta verdadeira imaxe que hoxe non se sinte Pherenike.

terça-feira, 24 de abril de 2007

Entre vivir e sonhar


Nesta etapa da minha vida cóstame ás veces diferenciar entre o que é real e o que é unha imaxinación; entre o que é a vida diaria ou un sonho nocturno.
A vida real distínguese da imaxinaria porque podes observar o transcorrer do tempo ó teu arredor; podes tamén facer uso dos cinco sentidos: ulir unha flor, mollar as mans, sentir o pracer de saborear unha boa mazá verde...
Porén, nos sonhos non podes facer moitas destas cousas. Tentas de correr pero as pernas non obedecen, queres berrar pero a gorxa non artella nin un só fonema...
Mais... por que algunhas veces isto aparece difuminado e mesturado como se Leonardo da Vinci empregara a súa técnica do sfumatto? Non sei se a vós vos pasou, pero hai tantas veces que os sonhos son tan reais!!!! Si, un pode sentir ese pracer de come-la mazá, pode senti-la ansia dun amor que non cre posible; pode tamén senti-la calor que unha man namorada desprende e pode incluso ver suar como na vida real.
A todos os que vos sentides coma min, só quero dicirvos que esas imaxes dos sonhos son imaxes verdadeiras e que se poden converter en realidade. Nunca digades que ningunha estrela esvaecida dos vosos sonhos poderá formar parte do conxunto da vida real que vos rodea. Só tedes que aprender que entre vivir e sonhar anda a realidade.

segunda-feira, 23 de abril de 2007


A vós, esa xente e moita outra que nun fun quen de recoller nesta pequena escolla de verbas que algún día artelláchedes para min, entrégovos a verdadeira imaxe do meu corazón. Velaquí unha serie de cousas que tiven a sorte de recibir de xente que quixen, quero e poderei seguir querendo sempre:
  • "Algún día acadarás todos os teus obxectivos. Es unha rapaza humilde e sinxela á vez, es o que o mundo anda buscando" (Unha mestra de instituto que endexamais esquecerei)
  • "Nena, ya sé decir algo en gallego, mira: Quérote moito, meu amor! Ah! Y también...... Cheiras a porco!" (Yani, a mellor amiga que alguén pode ter. Dende aquel mes de xullo convertecheste nun ser tan especial para min!!!!!)
  • "Non te arrepintas nin te averjonses de nada do q fajas. Xa sabes q eu tou aki para q me contes as cousas. Confiansa,non?" (Trisia, claro q hai confiansa, a onde iría eu tm sen ti????Ayyyyyyy.............)
  • "Deberías ser un pouco ejoísta por unha ves na túa vida e deixar de preocuparte polos demais" (Silvia, sabes q noutras cousas podería ser ejoísta. Nesta simplemente me é difísil de máis!!!)
  • "Always remember: life is short, break the rules, forgive quickly, kiss slowly, love truly, laugh uncontrollably and never regret anything that made you smile!" (John, you know I´ll never forget you. My time in England was awesome. You´ll be my English father forever and ever!!!!)
  • "Soy un gilipoyas x tod; d verdad,no te merezco. Djam keret d verdad, _ _ _ _. Kita esa barrera y djam yegar a ti. T kiero dmasiad cmo para volver a acrt daño" (Isto dimo o pasado, que volve petar na porta dos recordos)

domingo, 22 de abril de 2007

O pacto de Lestrove




O pazo da Hermida acolleu onte ós vecinhos desta aldea lestrovenha, que acudiron a un acto en conmemoración do Pacto de Lestrove dos anos 30. Este evento, organizado polo BNG do concello, contou coa presenza de Bieito Lobeira e Xosé Luís Axeitos, escritor de Asados e grande admirador de Luís Seoane.
Este foi o 3º ano consecutivo que se celebrou a dita conmemoración. O ano anterior, os vecinhos da aldea escoitaron atentamente as palabras que tan ben artellaba Carlos Aymerich. Mais Bieito Lobeira non foi menos, as súas verbas prenderon a atención de todos, dende a dos máis novos ata a dos maiores.
Falouse da historia desta nosa patria: ocupación territorial polos romanos, reino suevo, Esplendor da literatura galega, Doma e Castración do reino de Galiza, Séculos Escuros, loita polo Renacemento, e loitas continuas polo reconhecemento de Galiza como o que é, unha nación. Foron palabras moi doces por parte de ambos os dous. Non faltaron por suposto as mencións de Castelao e Aleixandre Bóveda e incluso a dona do pazo se ergueu para ler un fragmento de Sempre en Galiza.
B. Lobeira, como representante político, fixo unha valoración breve dos Estatutos de Autonomía (o do 36, o do 81 e a nova proposta de Estatuto). Fixo unha comparación entre eles e contou unha anécdota que chamou especialmente a minha atención. En troques de reconhecer a Galiza como nación, a proposta dende fóra para o novo Estatuto era: Rexión histórica de tradición cristiana xacobea (con perdón, pero......hai que foderse,eh????).
Xa para rematar a "postagen" de hoxe, quero escribirvos textualmente unhas das moitas fermosas palabras de Lobeira: "Nós non tivemos un William Wallace, pero si tivemos un Mariscal Pardo de Cela que morreu decapitado co seu fillo en 1483 nun acto público, ó igual que Wallace. Deberiamos tamén nós recordalo sempre como fan os escoceses co seu heroe William".

sábado, 21 de abril de 2007

Aquí comeza Veraeikon


Veraeikon é a orixe do meu nome. Un nome que me deparou certas sorpresas, pois Veraeikon ou Pherenike ( o seu correspondente en grego) tenhen uns significados un tanto especiais. Portadora da vitoria dicían os gregos, e verdadeira imaxe ou imaxe verdadeira, os latinos. De todos os xeitos, un simple nome non di nada do que unha persoa é, e non penso eu que meus pais estiveran debatindo logo do meu nacemento para porme un nome que describira a minha personalidade. A vós, os que me conhecedes, deixovos a oportunidade de criticar a minha personalidade.
Intentarei que pasen por este espazo verdadeiras imaxes, e non só me refiro a aquelas persoas que tenhan o mesmo nome ca min, senón a todos vós, pois cada un de vós sodes verdadeiras imaxes para min.
Polo de agora, déixovos unha imaxe verdadeira, unha obra de arte que me namorou dende a primeira vez que a vin, a Venus de Milo.