sexta-feira, 27 de abril de 2007

A GRECIA CLÁSICA


  • AS GUERRAS MÉDICAS
O imperio persa (baixo o goberno de Ciro o Vello) ampliara considerablemente os seus territorios e chegou ás cidades xonias de Asia Menor. Estas tiñan que pagar un elevado imposto e a situación era asfixiante, facéndose insostible cando o Gran Rei controlou os estreitos. Os grupos oligárquicos (apoiados polo rei persa) chocaban coas aspiracións democráticas destas cidades (artesáns e comerciantes). A saída era liberarse dese xugo ou dominio persa.
Para iso, pediron axuda á Grecia continental, pero só os atenienses e os habitantes da illa de Eubea lle enviaron reforzos. Esta sublevación foi reprimida polos persas e Mileto foi destruída.
Dende este momento, os persas dedicáronse a intentar controlar a Grecia continental. Pretenderon castigar a Atenas e a Eubea por apoiar a Mileto. As diferentes "poleis" ou cidades-estado non se mostraron unidas ante o perigo persa debido á fragmentación política do mundo grego. Logo de ter sometida á maior parte do norte de Grecia, os persas chegaron á chaira de Maratón no 490 a.C. e aquí, os atenienses venceron capitaneados por Milcíades.
Darío (o rei persa do momento) morre e é Xerxes o que se encarga de prepara-la seguinte expedición. Agora atenienses e espartanos aliáronse contra o inimigo persa coa firma da Alianza Panhelénica. Nas Termópilas, Leónidas sacrificouse con 300 espartiatas para permitir a retirada do resto do exército grego. Os persas arrasaron Atenas pero foron derrotados na batalla de Salamina (480 a.C.) grazas á estratexia naval de Temístocles. Son derrotados por terra na batalla de Platea. Os gregos marcharon cara Asia Menor co fin de liberar as cidades sometidas e en Micale incendiaron o que quedaba da flota persa.
  • A DEMOCRACIA RADICAL: as reformas de Efialtes e Pericles
As reformas de Efialtes ían encamiñadas a privar de poder político ós grupos aristocráticos, de modo que reduciu as competencias dos organismos onde tiñan maior representación, como o Areópago e a Boulé (foi como un Senado) e, en cambio, ampliou os poderes da eclesia ou asemblea popular, que será a encargada de tomar todas as decisións.
Os grupos máis reaccionarios asasinaron a Efialtes no 461, pero non puideron evitar que fose substituído por outro político da mesma tendencia, Pericles. As reformas de Efialtes-Pericles non eran gratuítas: supoñían un recoñecemento ó papel que o pobo ateniense tivera na defensa da cidade contra os persas. Ademais, Pericles contou sempre co apoio incondicional do pobo, especialmente dos artesáns e comerciantes, que vían como o seu nível de vida melloraba vertixinosamente como consecuencia da creación da Liga de Delos ou Liga Délica (a presenza dos persas no mar Exeo e o control dos estreitos conduciron ás cidades interesadas en expulsar ós persas a crear outra liga con centro en Delos; Atenas tiña unha posición hexemónica). As causas desta bonanza económica pódense resumir nos seguintes puntos:
-o comercio co Exeo acadara un desenvolvemento descoñecido
-a posición militar de Atenas favorecía o incremento da escravitude, o que permitía ós atenienses dedicarse con maior liberdade á política e ás actividades culturais
- a política de obras públicas, ademais de embelecer a cidade, evitou os problemas derivados do paro e impulsou o sector artesanal

  • AS GUERRAS DO PELOPONESO (431-404 a.C.)
A excesiva oferta comercial das cidades integrantes da Liga Délica obrigaba a pór trabas ó comercio doutras cidades (Corinto e Megara). Cando Corcira se enfronta a Corinto polo control de Epidamno, Atenas axuda a Corcira e derrota a Corinto. Anos máis tarde, prohíbe a entrda de flota megarense nos portos da Liga.
É así como comezan as presións de Corinto e Megara sobre Esparta para frear a expansión ateniense. Aínda que a Esparta non lle interesaba o comercio, o debilitamento das cidades aliadas non a beneficiaba.
  1. Guerra Arquidámica (431-421 a.C.): comézaa o rei espartano Arquídamo. Esparta invade a Ática e os atenienses, que saben que Esparta é superior por terra, refúxianse na cidade coa intención de enfrontarse ó inimigo por mar. Segundo a estratexia de Pericles, a cidade non sufriría problemas de abastecemento grazas ós Muros Longos que unían co porto do Pireo. Pero brotou a peste e morreu moita poboación, entre ela, Pericles. Sucesión de éxitos e fracasos polos dous bandos. Ó final, fírmase un tratado de paz (a Paz de Nicias) onde se recoñece a situación que cada cidade tiña antes da guerra. Mala posición para Corinto e Megara.
  2. Expedición a Sicilia: a pesar do tratado, Atenas posúe certa hexemonía debido á expansión constante do seu comercio. No 415 a.C., Alcibíades (contrario ó tratado) logra a aprobación dunha expedición a Sicilia para liberar ás cidades aliadas da hexemonía de Siracusa. A expedición foi un fracaso e serviu de pretexto para que os espartanos axudasen ós siracusanos. Os inimigos de Alcibíades utilizaron a súa ausencia para acusalo de sacrilexio pola mutilación das estatuas de Hermes. Non regresou a Atenas e colocouse baixo a protección de Esparta, de onde tivo tamén que fuxir polos receos que espertaba. Aliouse logo cos persas e animounos a crear enfrontamentos entre atenienses e espartanos para debilitalos. Non deixou de conspirar para recuperar o poder na súa cidade. Máis tarde, volta a Atenas pero os inimigos arrebátanlle o poder e volve ser desterrado. Morre por orde dos persas aliados cos espartanos.
  3. 3ª etapa: é levada de forma intelixente por Esparta:
-constrúe unha flota coa axuda de Persia, pois sabe que só poderá derrotar a Atenas por mar.
-intenta a defección dalgúns membrs da Liga Délica.
-aproveita as tensións políticas en Atenas.
-fomenta os grupos oligárquicos que se fan co poder durante uns meses.
No ano 406 a.C., parece que Atenas volve ter o control da guerra, pero no 404, os espartanos poñen fin á contenda dirixidos por Lisandro na batalla de Egospótamos, onde sorprenden ós atenienses en pleno abastecemento.
  • CONSECUENCIAS DA GUERRA
Atenas tivo que derrubar os Muros Longos, entregar case toda a flota, desfacer a Liga Délica e integrarse na Confederación do Peloponeso (liderada por Esparta). A democracia foi substituída por un Consello de oligarcas (Trinta Tiranos) con plenos poderes. Tivo que soportar tamén a presenza de soldados espartanos que vixiaba o cumprimento das novas leis.
Esparta recuperou a súa hexemonía (do séc. V a.C.) e promoveu gobernos oligárquicos que descontentaba ás cidades gregas.
A axuda que Esparta recibira dos persas nos últimos anos de guerra esixía a cesión das cidades gregas de Asia Menor. Isto desprestixiaba a Esparta. A expedición dos Dez Mil é o primeiro eslabón do cambio da súa política. Esparta dirixe o exército mercenario dos Dez Mil ó interior de Persia co fin de axudar a Ciro o Novo a conseguir o trono contra o seu irmán Artaxerxes II. Ciro morre na batalla da Cunaxa e as tropas quedan dispersas, entre as que están as gregas, que volven a Grecia baixo o mando de Xenofonte. A partir de aquí, Esparta e Persia enfrontaranse polo control das cidades minorasiáticas.
Persia anima a restauración da democracia nalgunhas cidades co fin de provocar choques entre Esparta e as cidades sometidas. O rei remata estes enfrontamentos cando, temendo a recuperación das "poleis" gregas, obriga a firmar a Paz do Rei (386 a.C.) mediante a cal Persia controla Asia Menor e Esparta volve á súa hexemonía primitiva.
Pero as cidades sometidas a Esparta non estaban dispostas a soportar reximes oligárquicos e sublévase Tebas e logo Atenas, que constrúe a Segunda Confederación Ateniense. A vitoria dos tebanos marca un breve período de hexemonía tebana.

9 comentários:

Zape (entre outras muitas cousas) disse...

Weno, tal e como dixen lin todo o post dos gregos xD. A verdade é que algunhas cousas xa as sabia (a história de Xenofonte, pois non en van estiven anos viciándo-me co Age of empires). O post gustou-me; a épica sempre foi o meu. Na vida real son bastante pacífico, pero sempre me gustaron as grandes histórias de heroísmo, loita e sacrifício. E o máis importante: histórias que veñen de tempos míticos, de tempos idos. É que algúns temos ialma de bardo, supoño.
De todos xeitos, e sen facer-lle ascos aos gregos, sigo preferindo ós celtas. Algún dia terei que narrar no meu blogue a lenda de Cuchulain, galgo de Ulster.
Bicos

amarante disse...

Pois que queres que che diga paco, a min nunca me gustou a mistificación. Concordo contigo no tema do heroísmo, no da loita e do sacrificio. Pero o problema é que moitos fican ancorados aí.

Está ben mirar á historia para entender o presente. Pero ás veces (ás veces, repito) pasámonos moito mirando ao pasado para xustificar o futuro.

Non me vale o nacionalismo étnico paco, xa o sabes!o meu é o nacionalismo cívico!

Veraeikon disse...

Vaia!Encántame levantar polémica,jeje. Só era para saudar, non me meto,eh?Sejide co voso,jeje!

amarante disse...

Deixámosche entrar na discusión eh??Por iso de que este é o teu blogue ejeje :)

Zape (entre outras muitas cousas) disse...

A ver, tovarich... Eu non falei de étnia, nin falei de nacionalismo. Estou dicindo que me molan os celtas, soio iso xDDD.
Eu penso, de todos xeitos, que si hai que xustificarse algo no pasado, se ben non debe ser o prisma. Soio que cando digan que os galegos somos paletos e tal, falaremos da nosa lírica meieval, por exemplo. Ainda que sempre teñamos na mente a Castelao e ese o seu "Eu renego da história de Galiza"

Zape (entre outras muitas cousas) disse...

Por certo, son o maior inimigo dos etncisitas. Tendo en conta que a metade da miña família é portuguesa non poderia considerar-me galego sequer. Téño-te que agregar ao messenger porque me dá que podemos ter longas discusións xDD

amarante disse...

Aclarado...xa sabes cal é o meu correo querido defensor do nacionalismo orgánico historicista

:)

Veraeikon disse...

UY,isto.....vaia!Non sabia q resumir a historia de Grecia en tan poucas liñas levase a isto,eh???Venha, a discutir no msn,q carallo!jeje.
Andades a encher o espasio dos meus comentarios coas vosas discusións, venha, cada un para a súa casa,jejejeje.
Sabedes q????Encantádesme!Un mais q o outro pero.......ale,xa tedes aljo máis para discutir!
Nenos, pas e amor!=:)

elpasado disse...

grecia está muy bien,...pero realmente tu estás mejor