quarta-feira, 12 de dezembro de 2007

VAGALUMES DE LEMBRANZA


Ás veces temos que pararnos a pensar, a reflexionar e tamén a lembrar. As decisións futuras e mesmo as presentes van estar inexorablemente vencelladas a acontecementos pasados; van ser consecuencia de actos e decisións pasadas.
Nos últimos días, Daniela andaba a darlle voltas á cabeza remoendo os miolos. Sabía que debía lembrar algo. Algo importante que o seu mozo lle revelara pouco antes de que os dous sufriran aquel accidente no que, traxicamente, Xiao perdera a vida e Daniela volvera nacer sen un anaco dela. A amnesia temporal, como o seu nome indica non é irreversible. Co paso dos días, das semanas ou, nalgún caso excepcional dos meses, os recordos volven enchoupar a mente e a memoria. Porén, Daniela non recuperou o seu pasado completamente. Soubo por terceiras persoas que tivera un mozo que falecera aquela lógrobe noite, e grazas ó seu diario e pistas que foi intuíndo por lóxica, decatouse de que Xiao lle quería confesar algo aquela mesma noite.
Lamentablemente, os recordos aparecían soamente como lóstregos que se esfuman na escuridade unha vez que dan a alerta. O caso de Daniela era moi estranho. A súa vida parecía unha historia creada por un dos pioneiros do cinema. Este, seguramente ó non gustarlle esa escea, recortou os fotogramas daquel accidente e da morte de Xiao deixando a vida de Daniela chea de vagalumes de lembranza.