domingo, 3 de junho de 2007

O poema !

Onte dixen que ía escribir os versos do poema de Rosalía pero a "postagen" foi sen el. Como prometera, velaquí está:

Non coidarei xa os rosales
Que teño seus, ni os pombos:
Que sequen, como eu me seco;
Que morran, como eu me morro.

Como poden 4 versos de nada ter tanta expresividade? Non vos gustan acaso? Facédemo saber, si? Mil bicos para todos; aquí, unha enxebre porase a estudar en breve.

sábado, 2 de junho de 2007

A muller e Rosalía


Todo o mundo sabe que a muller non era considerada para nada na vida económica, política e incluso social ata fai uns cantos anos. Estaba limitada ás tarefas da casa, tiña que limpar, alimentar ó home e coidar dos fillos, e por se fora pouco, tamén tiña que traballar no campo.
Unha muller sen home non era ninguén, por iso moitas casaban polo simple feito de non vivir para o resto da súa vida baixo a tutela do pai. Esta situación da muller denunciouna Rosalía de Castro no seu libro Cantares gallegos en poemas como o do San Antoniño, onde unha moza lle pide un home a "este casamenteiro" aínda que a malle e aínda que a esfole.
Esta nosa primeira feminista mundial tivo sempre presente a situación de miseria na que vivían as mulleres da época e reflictíao a cotío nas súas obras. Ela tiña conciencia de que era afortunada, pois o seu home apoiouna e animouna a que escribise; aínda que finalmente, os golpes que lle deu a vida, os problemas económicos, a morte de dous dos seus fillos pequenos e os problemas de saúde, desembocaron na infelicidade e na desesperación (sentimentos que deixa plasmados en moitas das súas obras).
Escribe Follas Novas, obra na que renova o estilo literario e a temática sen deixar de par a situación da muller, a cal segue denunciando en poemas como "A xustiza pola man" (onde denuncia a violación dos dereitos da muller e o papel da xustiza, que só defende ós poderosos) e outros moitos, dentro dos cales hai un que chama a miña atención por ser tan curto e ter tanta expresividade. Neste denuncia o abandono dunha muller por parte do seu home, pois a pobre sen a sinatura do "marido" non é ninguén. Como é curtiño, non teño nugalla en escribilo:
.
Para min, esta muller que tanto acusaron e acusan de chorona é digna de admirar, pois o valor que tivo para escribir o que escribiu na súa época é impresionante. Dende aquí: bravo Rosalía!